lunes, 16 de enero de 2006

Hai unha persoa á que lle debo un conto de nadal, aínda que a estas alturas sería máis ben un conto de rebaixas. Artista quédache aquí para que o vexas cando poidas.

Aí estaban outra vez. Podía sentilos, podía oílos respirar, ainda que non puidese velos. Queríano a el, aínda que non entendía moi ben por qué. Tal vez porque era o único que sabía que existían, o único que se fixa en cousas que sempre pasan desapercibidas. Tampouco conseguía comprender qué eran exactamente. Non tiñan cor, non tiñan olor, non ocupaban sitio algún; soamente sabía que respiraban, e que odiaban. Podía sentir como se contaxiaba, como lle entraban as ganas de romper pratos cando eles estaban preto. E cando era así só respiraba, contaba de tres a cero e pintaba nun papel que había enriba da mesa unha estrela de cor. Cando facía iso o odio desaparecía e semellaba que marchaban. Ata que chegou un momento en que na súa mesa non había máis que papeis con estrelas vermellas, laranxas, amarelas, verdes, azuis, violetas e añil.

Todo un arco da vella de estrelas.

Descubriu así que as cores eran o que eles máis temían, porque eles só eran transparentes e coas cores podían ser vistos. Daquela comezou a debuxar estrelas de tódalas cores, recortábaas e gardaba ducias delas no medio dos libros, para pegalas por toda a cidade cando saía da casa. E así, cada día máis, a cidade íase enchendo de estrelas e de cores. Pero el só non podía con todo, non era capaz de facer tantas estrelas como para que eles desaparecesen completamente. Foi entón cando tivo aquela particular idea...



Luns. Ana sentou no bus como cada mañá, aínda media durmida, cando sentiu que se sentara enriba dalgo. Levantouse e viu un lapis vermello cun papel debaixo. Mirou aquilo con curiosidade, e entón pensou ¿por qué non facelo?

Demasiado tarde dun día calquera, iso era o que pensaba Anxo cando atopou unha cera laranxa e decidiu debuxar unha daquelas estrelas que había por todas partes.

Cando Anxo e Ana se cruzaron sen coñecerse, os dous miraron cara o banco do parque onde un rapaz pequeno debuxaba unha estrela de cor amarela.

O mesmo rapaz que esa fin de semana iría ó cine e atoparía na esquina da xigantesca pantalla outra estrela verde.

Unha nai na outra punta da cidade nese mesmo intre dirixíase ó despacho do seu xefe cando, sen darse conta, alguén lle pegou unha estrela azul nas costas.

Un xefe que cando chegaba á casa pintaba con tenrura estrelas da cor preferida da súa filla, violetas, para regalarlle a toda a familia.

Ata na pequena taberna da rúa máis escura un velliño regalaba estrelas de cor añil ós seus compañeiros de bebida.

E un bo día a cidade espertou chea de cor e de estrelas, chea de felicidade e de ilusións. E un bo día el espertou sabendo que todo era posible.